Mes: Outubro 2021

  • 63. Community Wealth Building: crear riqueza con raíces desde o local

    Esta semana falamos do Community Wealth Building, un modelo de desenvolvemento local que continúa a colleitar éxitos aló onde se pon en práctica. A grosso modo, esta estratexia busca frear a concentración da riqueza nos grandes centros urbanos e financeiros, promovendo o gasto público en pequenas e medianas empresas locais e apostando por unha economía máis democrática a través do cooperativismo e outras modalidades de propiedade comunitaria. Para coñecer máis polo miúdo en que consiste este modelo, falaremos con Sarah McKinley, unha das portavoces do think tank Democracy Collaborative, que nos contará como comezaron a apostar por esta estratexia en Cleveland. No Reino Unido, conversaremos con Rachel Bentley, directora asociada do think tank Centre for Local Economic Strategies (CLES), que tamén nos porá ao día do Modelo Preston, un vello coñecido do noso podcast. Con todo, tamén nos preguntamos que marxe de manobra temos en Galiza para poñer en marcha estas propostas. Para responder a esa pregunta, parolaremos co profesor de Dereito Administrativo e secretario xeral da Universidade da Coruña (UDC), Carlos Aymerich.

  • [Exclusivo Patreons] Perpetual Guardian e Desigual, dous xeitos diferentes de entender a semana laboral de catro días

    No Té sen Gotas desta semana queremos afondar na idea da semana laboral de catro días a través do caso de dúas empresas privadas que tiveron moita repercusión na prensa: o da neozelandesa Perpetual Guardian e o da catalana Desigual. A primeira, que comezou a ensaiar con este modelo aló por 2018, foi un exemplo de como reducir horas de traballo sen recortar salarios, en diálogo cos traballadores e aumentando a productividade. Desigual, que aínda non puxo en funcionamento a xornada reducida, optou en cambio por rebaixar as nóminas lixeiramente, ofrecendo menos flexibilidade aos empregados que non queiran acatar a nova semana e facendo menos esforzos por chegar a un acordo cos representantes dos traballadores.

  • 62. A semana laboral de 4 días: unha utopía inevitábel?

    Comeza a nova etapa do Té con Gotas. A primeira gran idea da que imos falar é da proposta da semana laboral de 4 días. Viaxamos a Islandia da man de Jack Kellam, un investigador do think tank británico Autonomy, que escribiu un inform sobre o proxecto piloto de redución de xornada que fixeron na illa nórdica. Tamén falamos con Andrés Tarascó, CEO de Tarlogic, unha empresa de ciberseguridade con sede en Teo que está experimentado cunha semana laboral de 4 días.