Newsletter do 13 de maio de 2020

Ola,

O Té con Gotas non fai máis que medrar! En febreiro cumprimos un ano, en marzo abrimos unha conta en Instagram e agora en maio lanzamos un novo sitio web. 

En tecongotas.com poderedes escoitar todos os nosos podcasts, incluíndo os que son exclusivos para subscritores de Patreon. Ademais, poderedes acceder a máis información sobre nós e descubrír como apoiarnos economicamente. 

O deseño correu a cargo de Ifrit, un dos nosos socios na plataforma Patreon que se ofreceu de xeito desinteresado a botarnos unha man. Desde aquí, só lle podemos dar as grazas.

No primeiro Té con Gotas publicado no novo web falamos da vía británica á nova normalidade. Pero como non nos gusta falar demasiado do coronavirus, tamén entrevistamos a Ana Inés Jabares Pita, unha escenógrafa da Coruña que traballou para algunhas das compañías de teatro e ópera máis prestixiosas do Reino Unido. Se queredes saber que fai unha escenógrafa, non perdades este podcast. 

Unha aperta,

Duarte Romero Varela



A semana en Brexitland

A vía británica cara a nova normalidade. Logo dunha semana de filtracións e especulacións na prensa, o pasado domingo Boris Johnson anunciou os seus plans de desconfinamento nunha mensaxe televisada. A pesar das expectativas creadas, o comunicado foi bastante confuso e houbo que agardar até o día seguinte para ler en detalle o documento de 50 follas coas directrices marcadas polo goberno.

Pero que mudou? Pois de entrada, e a partir de hoxe, poderase quedar con outra persoa de fóra do fogar sempre que se respecte a distancia de seguridade e se faga en exteriores. Isto compleméntase co levantamento das restricións para facer deporte, até o de agora limitado a unha vez por día. Pero quizáis a novidade máis importante é a volta ao traballo en determinados sectores, particularmente a construción e a industria. Isto queda condicionado a que as empresas poidan garantir que os traballadores manteñan a distancia de seguridade entre si. Esta medida chega nun momento no que a Oficina Nacional de Estatísticas publicaba un informe indicando que as mortes por coronavirus son paticularmente altas entre homes de clase traballadora, o cal abre un debate sobre a desigualdade á hora de asumir riscos. 

Nicola Sturgeon queda na casa. O cambio de estratexia do goberno de Boris Johnson queda ilustrada coa desparición da consigna de “Queda na casa. Protexe o NHS. Salva vidas”. A partir de agora o novo eslogan é “Está alerta. Controla o virus. Salva vidas”. Pero para a ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon, esta mensaxe é vaga e imprecisa, polo que a recomenación do goberno autónomo de Escocia seguirá sendo quedar na casa. Pola súa banda, Gales e Irlanda do Norte tamén seguirán as súas propias estratexias de desescalada.

O goberno seguirá cubrindo salarios do sector privado. As empresas que viron reducida a súa carga de traballo polo coranavirus, poden acollerse a un programa do goberno que cubre un 80% do salario dos seus traballadores. Esta medida estaba previsto que rematese no mes de xuño pero finalmente foi prorrogada até outubro para evitar despedimentos masivos. Iso si, o goberno pretende que nos vindeiros meses as empresas asuman parte do custe. A día de hoxe, ao redor dun cuarto de todos os traballadores do Reino Unido están incluídos neste programa. 

O primeiro choque de Keir Starmer co corbynismo. O novo líder do Laborismo xa tivo o primeiro conflito coa ala esquerda do seu partido logo de anunciar unha proposta a respecto dos alugueiros durante o coronavirus. Starmer apoiou unha moratoria de dous anos no caso de que un inquilino non poida facer fronte a un ou varios pagamentos mentres dure esta crise. A ala esquerda do partido criticouno duramente xa que isto contribuiría a endebedar a un grupo de xente en situación de vulnerabilidade. Boris Johnson dirixíndose ao país

No podcast

Se queres saber un pouco máis de cal vai ser a vía británica cara a nova normalidade, non perdas o Té con Gotas desta semana.

Pero como non todo vai ser coronavirus, tamén entrevistamos a Ana Inés Jabares Pita, unha coruñesa que traballa como escenógrafa e deseñadora de vestuario para algunhas das compañías de teatro e ópera máis prestixiosas do Reino Unido. 

Subscríbete ao newsletter