📧 Adeus ao voto rogado? Entrevista coa deputada socialista Pilar Cancela🌹

Todos os mércores enviamos un newsletter coas últimas novidades do que está a acontecer no Reino Unido. A continuación, reproducimos o do pasado mércores 3 de marzo. Se che gusta, podes subscribirte aquí.

Boas,

A semana pasada o Congreso dos Deputados acordou comezar os trámites para derrogar o voto rogado en España. Dada a polémica que o asunto levantou nos últimos anos tanto no interior como na diáspora, esta semana no Té con Gotas quixemos continuar o debate do Congreso analizando polo miúdo esta proposta de reforma da Lei Orgánica do Rexime Electoral Xeral (Loreg) presentada polo PSOE e por Unidas Podemos e falando coa deputada socialista Pilar Cancela, portavoz da formación nesta materia.

En canto á actualidade británica, esta semana ven cargadiña. O Ministro de Facenda, Rishi Sunak, presentará hoxe os novos orzamentos, os primeiros desde que a pandemia amosou a súa cara máis crúa. A presentación do orzamento sempre é un momento clave no curso político do Reino Unido, pero este ano terá aínda máis importancia, dado o papel que as axudas e os programas de gasto do Goberno terán para navegar a crise económica dos próximos meses ou mesmo anos.

Unha aperta,

Miguel Rodríguez Fernández

A semana en Brexitland

Orzamentos postCovid. O ministro de Facenda, Rishi Sunak, presentará hoxe o novo Orzamento do Estado, no que está previsto que extenda até setembro boa parte das axudas postas en marcha ao inicio da pandemia. Os ERTE británicos (o que no Reino Unido coñecen como furlough scheme) ían desaparecer en abril inicialmente. Agora continuarán tal e como están até xuño, cando o Goberno prevé acabar coas restriccións, e a partir de aí os empresarios comezarán a asumir unha maior porcentaxe do salario dos empregados. Tamén se manterán as axudas aos autoempregados e certas vantaxes fiscais para os negocios. En total, arredor de 20 mil millóns de libras extra que o Goberno gastará para amortiguar os últimos meses de confinamento.

Austeridade á vista. Mais non todo vai ser gasto. Na política británica, un mantra amplamente extendido é que os Conservadores son o partido do rigor fiscal e o sentidiño económico. Para manter ese recoñecemento, Rishi Sunak incluirá no proxecto de orzamentos unha cláusula pola cal, en canto o país se desconfine e a economía volte funcionar coma antes, o Goberno tomará medidas para reducir o gasto e a débeda públicas. O discurso sona a vello e cheira ao regreso da austeridade pero, nesta ocasión, ademais diso tamén traerá unha subida de impostos aos empresarios, xa que a equipa de Sunak filtrou un aumento do Imposto de Sociedades, aínda que non se sabe canto. Actualmente, o Reino Unido conta cunhas das Corportation Tax (que é como lle chaman eles) do 19%, unha das máis baixas de entre as primeiras economías do mundo. O movemento vai en liña do anunciado polo novo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, que pretende subir o imposto do 21% ao 28%.

Laborismo, o partido das empresas? A lóxica levaría a pensar que unha proposta como a de subir o Imposto de Sociedades contaría co apoio do partido Laborista, non? Iso de que paguen máis os empresarios e os ricos adoita ter tirón entre a esquerda. Pois non é o caso. Paradoxicamente, o líder dos Laboristas, sir Keir Starmer, mostrouse contrario a esta medida ao entender que obstaculiza a recuperación da economía. A postura abriu un interesante debate entre as bases do Laborismo. Os sectores máis á esquerda acusan a Starmer de querer facerlle as beiras ás empresas cando o seu espazo debera estar na defensa da progresividade fiscal e dos traballadores. O laborismo máis soft, máis próximo á Terceira Vía que representou Tony Blair, alaba a medida ao entender que o partido debe tamén tender a man a un sector empresarial descontento cos conservadores, probando errado o mantra de que esquerda é boa redistribuindo a riqueza pero non creándoa. Como exemplo desta última postura, aí che vai o artigo que Alan Johnson, deputado laborista e popular figura televisiva, publicou no The Guardian sobre o asunto.

Shamima, sen dereito a defenderse no Reino Unido. Shamima Begun, a rapaza londinense que con tan só 15 anos fuxiu da casa para unirse ao Estado Islámico, non terá dereito a regresar ao Reino Unido para reclamar xudicialmente a súa nacionalidade británica, dacordo coa Corte Suprema do Reino Unido. Esta muller saltou á palestra mediática en 2019, cando o diario The Times a entrevistou nun campo de prisioneiros en Siria dicindo que lle gustaría volver ao Reino Unido. A reacción do goberno foi retirarlle a nacionalidade británica e negarse a repatriala. Isto abriu un debate moi complexo sobre os dereitos de cidadanía e sobre que facer coas persoas que marcharon a loitar co Estado Islámico e agora queren regresar. A Corte Suprema entende que Shamima pode reclamar xudicialmente desde o campo de prisioneiros en que se encontra e asume a postura do Ministerio do Interior, que consideraba o seu regreso ao país un risco para a seguridade nacional. Se queres saber máis sobre esta historia, nun Té sen Gotas de hai meses xa falamos de Shamima.

Boris encabeza a loita contra o independentismo. O Brexit naceu como un movemento para recuperar a soberanía do Reino Unido e pode acabar co país feito anacos. As tensións territoriais aumentan en Escocia, pero tamén en Irlanda do Norte e Gales. (Momento autobombo: sobre a situación de Gales, precisamente publico hoxe esta reportaxe en eldiario.es). Consciente de todo isto, o primeiro ministro, Boris Johnson, creou un comité interministerial para conter o aumento do apoio á independencia nas nacións do Estado que non son Inglaterra. O comité estará formado por outros ministros, como o de Facenda, Rishi Sunak, e créase despois de que dous coordinadores dun grupo de traballo con similar finalidade dimitisen en menos dun mes. Escocia e Gales celebrarán eleccións aos seus parlamento nacionais en maio.

Día chave para Nicola Sturgeon e o independentismo escocés. A dous meses das eleccións ao Parlamento de Escocia, á primeira ministra, Nicola Sturgeon, é probable que lle gustase estar sendo protagonista por outro tipo de noticias. Pero o certo é que a actualidade británica ten hoxe os ollos postos en Edimburgo e na declaración que Sturgeon dará ante un comité de varios partidos para explicar o que sabía ou non sobre as irregularidades do expediente contra o ex primeiro ministro escocés e colega de partido, Alex Salmond. Os Conservadores escoceses xa reclamaron a dimisión de Sturgeon. Para máis información sobre este asunto, The Guardian publica hoxe unha cronoloxía con todo o que se sabe e o que non deste proceso.

O ministro de Facenda (que aquí chaman Chancellor of the Exchequer), Rishi Sunak, nunha intervención na Cámara dos Comúns.

No podcast

Esta semana falamos da derrogación do voto rogado, que comezou os trámites para facerse efectiva a semana pasada co apoio de todos os partidos do Congreso dos Deputados. É un debate que aos galegos nos debera importar, pois o 15% do noso censo está no exterior, comparando con só un 4% no resto do estado.

Ademais da nosa habitual turra, esta semana contamos como convidada con Pilar Cancela, deputada do PSOE no Congreso e portavoz do grupo socialista nesta materia.

A deputada do PSOE pola provincia da Coruña no Congreso, Pilar Cancela, fala esta semana no Té con Gotas sobre a derrogación do voto rogado.

Subscríbete ao noso newsletter


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará