🚷 A terra no UK, propiedade de catro; e os 16.000 novos infectados que agochaba un Excel

Velaquí está o newsletter do 7 de outubro de 2020. Subscríbete aquí!

Moi boas!

Disque a Raíña de Inglaterra, con isto da Covid, vai perder moreas de cartos polas rentas do seu patrimonio inmobiliario. O asunto fíxonos tirar do fío e descubrir que non só a Raíña ten extensas propiedades de terras, tanto no campo como nas cidades, senón que o chan de Inglaterra está concentrado en moi poucas mans por norma xeral. Unha cifra que o resume todo é que o 1% da poboación posúe o 50% do territorio.

De todo isto falamos no Té sen Gotas desta semana, o primeiro da nova tempada, no que contamos algunhas curiosidades sobre os grandes terratenentes do Reino Unido e sobre como as privatizacións das últimas décadas exacerbaron esta concentración da propiedade.

Pero a actualidade na illa esta semana estivo marcada por outros asuntos que vos resumimos a continuación, algúns deles para botar as mans á cabeza.

Unha aperta,

Miguel Rodríguez Fernández



A SEMANA EN BREXITLAND

16.000 infectados por arte de maxia. Esta semana foi noticia no Reino Unido e en medio mundo que o goberno de Boris Johnson perdeu os resultados duns 16.000 tests da Covid. O motivo? Un garrafal erro informático.

Resulta que o laboratorio que fai os tests envioulle os datos ao goberno utilizando un formato que se chama CSV, que é un dos máis habituais para transmitir este tipo de información. Até aquí todo ben. O problema comezou cando no goberno abriron o arquivo utilizando unha versión moi antiga do programa Excel que non podía procesar máis de 65.000 filas de datos. Isto é moitísimo menos que as versións máis modernas que moven sen problemas máis dun millón de filas.

O resultado disto é que houbo datos que o goberno non procesou porque Excel chegara ao seu límite. Cando finalmente se deron conta do erro, isto provocou un aumento importante nas listas de agarda para facer os rastrexos de contactos. E non só iso. No Reino Unido mirábase con optimismo os datos de contaxios dos últimos días e pensaban que a pandemia estaba desacelerando. Pois resulta que non, simplemente non aparecían moitos contaxios nas estatísticas. Se Alan Turing erguese a cabeza e vise no que se convertiu o seu país…

Contaxios fóra de control de novo. O número de contaxios está a aumentar de forma preocupante en Inglaterra. Só este martes, por exemplo, houbo case 15.000 novos casos confirmados, e a curva semella que non vai moderar o seu aumento nin para os infectados nin para o número de mortos e hospitalizados. Nalgunhas cidades do norte a ratio de infectados xa supera os 500 por cada 100.000 habitantes. Alcaldes do norte de Inglaterra o alcalde do propio Londres esixen ao Goberno medidas máis contundentes para frear a pandemia. Máis de 80 Universidades anunciaron até 5.000 casos de contaxios entre estudantes e traballadores nos últimos días, o que levou a algunhas a cancelar todas as súas aulas presencias até novo aviso. E como as cousas sempre poden ir a peor, a farmacéutica Roche, proveedora dos test do Covid para o Servizo Público de Saúde, recoñeceu estar tendo problemas loxísticos no seu centro de Sussex, o único que ten no Reino Unido, polo que terá menos capacidade de distribuir tests durante dúas ou tres semanas como mínimo.

Reino Unido, a futura Arabia Saudí do vento? O primeiro ministro, Boris Johnson, anunciou esta semana na Conferencia do partido Conservador a súa intención de que o abastacemento eléctrico de todos os fogares do Reino Unido proveña de enerxía eólica no mar en 2030. Boris, que dixo querer facer do país “a Arabia Saudí da enerxía verde”, prevé investir máis de 160 millóns de libras en actualizar factorías e portos para construir e transportar turbinas aos parques de muíños na plataforma continental mariña. O anuncio implica aumentar nun terzo o obxectivo de capacidade eólica mariña para 2030, chegando aos 40 gigavatios. O novo plan chega só meses despois de que as enerxías renovables superasen aos combustibles fósiles como fonte de producción de electricidade no Reino Unido.

Boris desdramatiza a súa política de gasto. Nesa conferencia conservadora, Boris tamén aproveitou para calmar os ánimos entre os membros do partido máis críticos coa recente política de gasto do seu Goberno. O primeiro ministro recoñeceu que os grandes investimentos a restriccións públicas anunciados son contrarios aos principios ideolóxicos do partido pero que deberon ser aplicados para afrontar un desastre comparable a unha guerra. “Non debemos sacar unha conclusión económica equivocada desta crise”, dixo Boris, quen desexou que algún día o Estado puidese facerse a un lado e a xestión deste tipo de crises fose xestionada polo sector privado. Para calmar os ánimos do seu sector máis liberal, insistiu en que fará ao Reino Unido máis competitivo pola vía dos impostos e a regulación. O primeiro ministro rexeitou as críticas sobre a súa xestión da crise do Covid e asegurou que o feito de ter sido hospitalizado non afectou ao seu liderazgo, como algúns deputados insinuaran.

O primeiro ministro Boris Johnson, na conferencia do partido este martes

NO PODCAST

Pensabas que por iso ter moito bosque atlántico e partillar un pasado celta, o Reino Unido tamén sería o paraíso do minifundo como Galicia? Pois estabas equivocado. No Té sen Gotas de esta semana (exclusivo para subscriptores, así que se non o es xa non sei a que estás agardando!) falamos da propiedade da terra neste país e de como un terzo do seu chan aínda está en mans da aristocracia.

Moitos destes dereitos sobre as terras veñen de lonxe, pero a concentración non fixo máis que agravarse nos últimos anos ao ter vendido moitas administracións terras para facer fronte ás súas débedas e gastos.

LITTLE GALICIA



Esta semana saíu nos medios a estrea de Entre dos tierras, un documentario sobre as vivencias da mocidade española emigrada en Londres. Unha das súas protagonistas é Adriana Páramo, unha galega emigrada na capital británica durante máis de dez anos que, aínda que agora xa non reside no Reino Unido, é parte activa do Galician Film Forum. Pódese ver completo en Vimeo pagando.Trailer do documental ‘Entre dos tierras’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará