Mes: Marzo 2022

  • Comer carne en tempos de crise climática: cara un futuro sen macrogranxas?

    O último affaire ibérico coas macrogranxas pode pasar á historia dos manuais de Ciencia Política e Xornalismo como un bo exemplo de que, ás veces, hai polémicas que saltan aos medios a lombos das fake news ou, como mínimo, declaracións terxiversadas. Malia iso, o episodio puxo sobre a mesa o debate sobre a sustentabilidade deste tipo de grandes explotacións gandeiras nun mundo cada vez máis asediado polos efectos da crise climática. Neste programa tratamos de analizar que son as macrogranxas, que impacto ambiental e socioeconómico ten este modelo, cal é a súa presenza real en Galiza e que posibilidades habería de prescindir deste xeito industrial de producir carne e apostar por explotacións máis sostibles. Para achegar algo de sentidiño ao debate falamos co profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e experto no ámbito da economía agraria Edelmiro López Iglesias, coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, e co xerente da cooperativa cárnica dos Ancares ‘A Carqueixa’, Román Sánchez.

  • [Té sen Gotas] Abrir mercado en Portugal: a experiencia de Miguel Penas

    Neste Té sen Gotas falamos con Miguel Penas, expresidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e membro do actual Consello da entidade, que nos falará dunha experiencia profesional recente que tivo no mercado portugués, traballando para unha empresa galega que buscaba vender servizos de administración dixital a compañías do país veciño. Na súa opinión, o galego facilita moito a aprendizaxe do portugués e a comunicación cun lusoparlante, aínda que considera que para se desenvolver en contextos máis formais é necesario aprender a gramática, léxico e fonética de xeito máis académico.

  • [Té sen Gotas] O galego é unha oportunidade: entrevista completa con Enrique Sáez, exdirector peral do Banco Pastor

    Neste Té sen Gotas publicamos completa a nosa entrevista con Enrique Sáez, exdiretor xeral do Banco Pastor, e presidente da Fundación Juana de Vega e do grupo Torres & Sáez, unha compañía galega especializada na distribución de equipamentos industriais e ferramentas. Nela fálanos de como descubriu a utilidade do galego para abrir novos mercados en Portugal durante a súa etapa como directivo do Pastor e danos a súa opinión sobre a importancia de ensinar portugués na escola. Os anacos da conversa con el que publicamos no Té con Gotas da pasada semana semella que tiveron moito éxito, así que aquí vai a gravación completa.