Estamos de volta!👋


Moi boas!

Despois dun merecido descanso de verán en Galiza, Duarte e mais eu xa estamos de volta no Reino Unido con todo preparado para a nova tempada do Té con Gotas.

Vimos con moitas ideas bulindo na cabeza e con varias novidades, algunha que xa podemos revelar, como a canle de Youtube na que a partir de agora tamén publicaremos os nosos Té con Gotas (os Sen Gotas seguen sendo contido exclusivo para subscriptores do noso Patreon).

Para escoitar o primeiro episodio da nova tempada haberá que agardar ao próximo mércores. Esta semana traémosche este newsletter para abrir boca debullando os principais highlights do que pasou no Reino Unido nos últimos dous meses, que foi moito.

Ah, e se tes cinco minutiños, preparamos esta enquisa para contar coa túa opinión de cara á nova tempada e saber como podemos seguir mellorando o Té con Gotas.

Unha aperta,

Miguel Rodríguez Fernández

O VERÁN EN BREXITLAND

Un algoritmo para avalialos a todos. A primeira grande polémica do verán tivo que ver coa forma na que o Goberno de Boris Johnson decidiu avaliar aos alumnos do Reino Unido nos exames de final de curso. A cousa foi como segue. No Reino Unido hai, digámolo así, dous tipos de Selectividade: unha proba para pasar de Secundaria a Bacharelato (aquí é Sixth Form) coñecida como GCSE, e outro exame, chamado A-Levels, para pasar á Universidade. Como as escolas estaban pechadas pola Covid e os exames presenciais non eran posibles, ao Goberno de Boris ocorreuselle preguntar aos profesores que nota porían aos seus alumnos co fin de combinar, grazas a un algoritmo, eses resultados con outras variables, como a nota media que a escola sacou en cada materia nos últimos tres anos.

O resultado do experimento foi que arredor dun 40% dos alumnos sacaron peores notas que o que recomendaran os seus profesores, baixando especialmente os alumnos da escola pública fronte aos da privada. Isto levou, por exemplo, a que moitos estudantes con moi bo currículo visen a súa nota rebaixada polo simple feito de estudar nunha escola con mal historial de resultados. Ante tamaña chapuza, o Goberno viuse finalmente obrigado a dar marcha atrás, esquecerse do algoritmo e aceptar como definitiva a avaliación feita polos profesores. 

Covid is back! Sei que o tema do coronavirus aburre e a todos nos satura tanto dato e tanta ratio, pero a xestión do Goberno británico da crise neste verán dá boa mostra dos bandazos que pode chegar a dar Boris e o seu equipo.

A foto fixa a día de hoxe vén sendo tal que así: no Reino Unido hai arredor de 3.000 contaxios novos por día e as previsións dos científicos do Goberno son que, de non endurecer as restricccións, nun mes poderíase chegar aos 50.000 diarios, en vista do incremento das últimas semanas. Despois de reabrir todos os negocios a partir do 4 de xullo, e de aprobar un sistema de subvencións para promover o consumo en pubs en restaurantes durante o verán (con moi boa acollida, todo sexa dito), Boris anunciou onte que a hostelería deberá pechar ás 22.00 a partir do xoves, para conter a expansión do virus. Tamén se incentiva agora voltar a traballar desde casa sempre que sexa posible despois de que en agosto o Goberno chamase aos traballadores a regresar ás oficinas o antes posible para reactivar a economía, a risco de perder o traballo.Portada do diario Daily Telegraph reproducindo o chamado do Goberno a deixar o traballo desde casa. “Volta ao traballo ou arríscate a perder o teu traballo”, di o titular.

Un Brexit con No Deal, máis probable que nunca. Imos recapitular antes de entrar en detalle, porque os detalles importan para entender os próximos meses. O Reino Unido saíu oficialmente da UE o 31 de xaneiro deste ano. Desde aí e até o 31 de decembro manteríase vixente un periodo de transición no que seguiría baixo as regras do mercado común. Durante ese tempo debérase negociar tamén un novo tratado comercial sobre a base do acordo de divorcio asinado a finais de 2019 polo propio Boris e a UE.

Como van esas negociacións? Entre mal e moi mal, especialmente se temos en conta que o tratado comercial debe ser levado ao Parlamento Europeo o 26 de novembro para ser ratificado, que non hai nada acordado de momento e que Londres e Bruxelas están máis distanciados que nunca.

A cousa levaba tempo parada, basicamente por discrepancias sobre se o Reino Unido se poderá desacoplar da regulación europea que garante unha certa igualdade de condicións na competencia. Por exemplo, a UE non vería con bos ollos que manufacturas británicas puidesen entrar no continente sen pagar aranceis se o Goberno británico dá certas subvencións ás empresas que as fabricaron. Por que? Porque sería inxusto para as empresas do continente que non poden recibir esas axudas polas restriccións que impón a UE ás subvencións do Estado. É o que en inglés chaman “level playing field”, un termo que se escoitou moito nas negociacións. Tamén había discrepancias en materia pesqueira pero un sector que representa o 0,1% do PIB británico non é realmente un escollo para un tratado deste estilo.

O negociador británico, David Frost, co negociador da UE, Michel Barnier.

E que ten isto que ver co acordo que rompeu Boris recentemente? Se seguiches algo a prensa ultimamente, verías titulares dicindo que Boris rompera co acordo de divorcio coa UE que el mesmo asinara en decembro, e sobre o que se debía asentar o novo tratado comercial. Pois si. De forma indirecta, Boris rompeu con ese acordo, tras aprobar no Parlamento unha lei do Mercado Interno que contradí algúns puntos do que se consensuara con Bruxelas. O obxectivo desta lei é regular e facilitar o comercio entre as catro nacións do Reino Unido agora que deixarán de operar baixo o paraugas legal que as unía: as normas do mercado común europeo. O problema é que iso inclúe na ecuación a Irlanda do Norte, un territorio que dacordo co pactado por Boris coa propia UE, debera quedar baixo o paraugas das normas do mercado común europeo.

Boris agora pretende que non sexa tan así, e que o Goberno británico poida unilateralmente anular o acordo con Bruxelas “de forma específica e limitada” para, por exemplo, subvencionar a empresas inglesas que finalmente acabarán vendendo en Irlanda do Norte, competindo con compañías francesas ou galegas que non puideron recibir ningún tipo de subvención polos límites que impón a UE. Isto non é aceptable para a UE, que o considera competencia desleal, e este último movemento do Reino Unido distanciou aínda máis as posturas de Londres e Bruxelas, que camiñan a paso firme cara un No Deal en tres meses.

O primeiro ministro Boris Johnson, onte

Sexismo crónico nun dos principais sindicatos británicos. Este verán tamén foi noticia o sindicato GMB, o terceiro máis grandes do Reino Unido, logo de que unha comisión independente publicase un informe denunciando un “machismo institucional” dentro da organización. “Acoso, misoxinia, enchufismo e abuso sexual son endémicos no GMB”, dicía o informe. “O sindicato ten unha cultura de alcoholismo, cotilleos e falta de profesionalidade”. GMB ten máis de 600.000 afiliados. O informe cubriu o periodo 2010-2020 e entrevistouse aos seus tres últimos secretarios xerais.

Subscríbete ao newsletter cubrindo o seguinte formulario


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará