Newsletter do 20 maio de 2020

Ola << Test Nome >>,

Os galegos da diáspora, e tamén os do interior, estamos chamados a votar nas Autonómicas do próximo 12 de xullo, así que no Té sen Gotas desta semana imos falar das diferentes experiencias de eleccións que houbo polo mundo adiante nas últimas semanas e de como lidiaron coa pandemia.

En Londres, onde había previstas eleccións á Alcaldía para maio, optouse pola vía rápida de cancelar e pospoñer a votación até o ano que vén. Noutros países, como Corea do Sur, seguiron adiante cos comicios pero baixo un sistema de control sanitario moi meticuloso que mesmo logrou aumentar a participación a máximos históricos. Podería Galiza atopar na experiencia coreana algunha inspiración para os seus comicios? Na prensa británica vense falando moito deste e outros casos de eleccións recentes ou inminentes, así que neste episodio darémosvos todos os detalles.

Agora, coma sempre, o resumo das novas máis importantes da semana sobre o Reino Unido.

Un saúdo,

Miguel Rodríguez Fernández



A semana en Brexitland

A precariedade que espallou o virus. Poden os contratos lixo axudar a propagar o Covid-19? Poden, e a proba está no Reino Unido. Un informe realizado por Publich Health England, a máxima institución sanitaria de Inglaterra, revelou que os traballadores contratados por residencias de anciáns a través de axencias de colocación temporal, baixo a modalidade dos contratos de cero horas, espallaron sen ser conscientes o virus entre os anciáns e persoal de múltiples residencias de Londres. Con este tipo de contratos, implantados polo Goberno conservador de David Cameron en 2010, as empresas non contratan ao traballador por un número de horas fixo. Poden ser dúas horas hoxe e cinco pasado mañá, en función da necesidade da empresa, do mesmo xeito que hoxe podes ser contratado por unha residencia no norte de Londres e mañá por outra do sur, propiedade doutra empresa diferente.

A polémica arredor deste tipo de contratos aumentou moito nos últimos anos xa que os traballadores apenas teñen dereito a rexeitar as ofertas de traballo das axencias se non queren deixar de ser chamados, o que convirte o sistema en algo similar ás peonadas de xornaleiros máis propias de séculos pasados. Entre as residencias de Inglaterra e o País de Gales estímase que morreron un total de 22,000 persoas con coronavirus.

Boris cae nas enquisas. A xestión do Covid-19 está a pasar factura ao Goberno de Boris Johnson nas enquisas. Unha sondaxe realizada pola empresa de opinión pública Opinium despois do anuncio do plan de desconfinamento do pasado domingo amosa que só un 39% británicos aproba a xestión do Goberno. A comezos de abril, o índice de apoio era do 61%. 

Dous millóns de parados. Tampouco axudan á reputación do Goberno os datos sobre desemprego feitos públicos esta semana. En total, o número de persoas no paro no Reino Unido xa ascende aos 2,1 millóns, un 70% máis que en marzo. O servizo nacional de estatística non inclúe dentro destas cifras aos arredor de oito millóns de traballadores coñecidos como furloughed, é dicir, que perderon o seu traballo por causa do Coronavirus pero aos que o Goberno lles está a pagar o 80% do seu salario, até un máximo de 2,500 libras ao mes. 

A Universidade de Cambridge, só online até xuño de 2021. O coronavirus terá impacto nalgunhas universidades do Reino Unido, como mínimo, durante un curso máis. A Universidade de Cambridge, unha das máis prestixiosas do país, anunciou onte que manterá o 100% das súas aulas online até xuño de 2021. A dirección da institución académica non descarta que se poidan organizar grupos reducidos e puntuais entre alumnos e profesores para algunha materia. 

A Parlamento aproba o novo sistema de inmigración por puntos. Parlamento británico aprobou esta semana o novo sistema de inmigración por puntos que regulará a entrada de traballadores extranxeiros a partir de xaneiro, cando o Reino Unido ten previsto saír formalmente da Unión Europea. O sistema, similar ao de Australia, busca pechar a porta a traballadores pouco cualificados e facilitar a chegada de empregados con maior cualificación profesional e para os que haxa demanda no Reino Unido. Se che interesa o tema, en marzo xa fixemos un Té sen Gotas explicando o novo sistema. O Partido Laborista cre que o novo modelo podería levar a unha ausencia de man de obra para postos de traballo poucos remunerados pero esenciais, como o de repoñedores de supermercado ou asistentes sociais, nos que actualmente hai unha porcentaxe moi elevada de inmigrantes.A ministra de Interior, Priti Patel, xunto ao primeiro ministro, Boris Johnson.

No podcast

Salvo imprevisto de última hora, Galiza sumarase o 12 de xullo ao selecto grupo de países que celebran eleccións no medio da pandemia do coronavirus e que de momento está conformado por Vanuatu, Kiribati, Mali e Corea do Sur. Por semellanzas socioeconómicas e polo impacto que tivo o Covid, probablemente sexa Corea de quen máis se poida aprender. Alí púxose en marcha un proceso moi calculado e cheo de controis para garantir o dereito a voto de toda a poboación, mesmo os infectados e confinados, sen poñer en risco a saúde pública. Tomarán nota desde a Xunta?

No Té sen Gotas desta semana (lembra, só para subscriptores!) falaremos desta experiencia e de como xestionaron moitos outros países do mundo iso de ter que votar no medio desta andazo. Aquí no Reino Unido, por exemplo, onde había eleccións á Alcaldía de Londres en maio, cancelouse todo até o ano que vén!

Subscríbete ao newsletter


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará