Newsletter do 27 de maio de 2020
Ola, No Reino Unido xa comezamos a sentir a chegada do verán por como pega o Sol e pola cantidade de fotos que a xente sube a redes sociais desde os seus xardíns, para envexa de quen vivimos en piso. Co bo tempo, tamén chegan as saudades das praias galegas, especialmente agora que a orde é quedar na casa e evitar viaxes innecesarias. Quen teña unha ración de area da Lanzada ou similar, que mande. No podcast desta semana imos falar de saúde mental. Non tanto porque o coronavirus e estar lonxe da casa nos estea a afectar ao estado de ánimo, como porque maio é o mes da concienciación sobre este tipo de doenzas. A Duarte e a min sempre nos chamou a atención a normalidade coa que no Reino Unido se fala deste asunto tanto na política como no mundo da empresa ou a pé de rúa, especialmente se o comparamos con Galiza. Para explicar todo isto, entrevistaremos a Violeta Pérez-Rodríguez, unha psiquiatra da Coruña que actualmente exerce nun hospital público do sur de Londres. No resumo de novas da semana, falareivos do asunto que está a monopolizar a actualidade informativa do Reino Unido e a afundir a popularidade de Boris Johnson: a viaxe do seu principal asesor, Dominic Cummings, á súa casa familiar do norte de Inglaterra durante o confinamento. Un saúdo, Miguel Rodríguez Fernández |
A semana en Brexitland Que pasou con Dominic Cummings e por que non se fala doutra cousa no Reino Unido? A polémica comezou a pasada fin de semana, cando o diario The Guardian e o Daily Mirror revelaron nunha investigación conxunta que o principal asesor de Boris Johnson, Dominic Cummings, se saltara o confinamento decretado polo seu Goberno para viaxar coa súa familia desde Londres até a residencia dos seus pais en County Durham, a 424 kilómetros da capital. A Policía de Durham contactou con Cummings despois de que un veciño alertase da súa presenza na zona. Todo isto aconteceu en abril, unha semana despois de que se anunciase que ‘Dom’ tiña síntomas de coronavirus. Que di Cummings sobre todo isto? Nunha comparecencia sen precedentes desde o xardín de Downing Street, Cummings negouse a dimitir e alegou que actuou con responsabilidade nesa viaxe, tratando de buscar un equilibrio entre a seguridade pública e a da súa familia. Baixo a súa versión, a normativa do Goberno deixaba claro que ter que coidar dos nenos pode ser considerado unha situación excepcional, e por tanto el cre que cumpre o requisito xa que o seu fillo tiña unha cita nun hospital de Durham. Di que non tivo contacto físico cos seus pais pero, unha vez aló, recoñece que colleu un coche para ir desde a súa residencia en Durham até Barnard Castle, onde sentou á beira do río durante 15 minutos coa súa familia. Todo isto, nun momento en que as viaxes non esenciais estaban prohibidas. Por que fixo esa viaxe a Barnard Castle? Segundo el, para averiguar como se sentía físicamente e para saber se o posible contaxio lle estaba a causar algún problema de vista que lle impedise conducir de volta a Londres. Finalmente, el e a familia acabaron nos arredores desta vila, coincidindo co 45 aniversario da súa muller. Que opina Boris de todo isto? De momento, respalda sen fisuras ao seu asesor. Nunha comparecencia ante os medios o domingo, Boris dixo que Cummings non tiña outra alternativa que viaxar a Durham para que o seu neno fose ao hospital e que actuou dacordo coas indicacións do Goberno. O líder da oposición, Keir Starmer, dixo que a viaxe de Cummings era unha ofensa para todos os británicos que tiveron que facer sacrificios desde o inicio do confinamento. Boris Johnson caeu 20 puntos nas enquisas de aprobación nos últimos catro días, por causa desta crise, dacordo cunha sondaxe da empresa de demoscopia Savanta ComRes. Primeiras demisións en protesta pola xestión do escándalo. O ministro para asuntos de Escocia, Douglas Ross, anunciou onte a súa dimisión pola decisión de Boris de non cesar a Cummings. Ross dixo que moitos dentro do partido non comparten a visión de Boris sobre esta polémica e asegurou que se vai por respecto a moitos votantes da súa circunscripción que non puideron despedirse dos seus seres queridos por cumplir coas ordes do Goberno de permanecer na casa. Máis de 30 deputados conservadores mandaron unha carta solicitando a demisión do principal asesor de Boris ante o tsunami de queixas procedente dos seus votantes. Tanto balbordo por isto? Se cadra despois de ler os feitos, especialmente se estás acostumado aos escándalos da política española, che pareza esaxerada a reacción da opinión pública británica. O certo é que Cummings non é un asesor calquera e nos medios do UK hai unha certa obsesión coa súa figura. El foi o director da campaña do Leave no referendo do Brexit de 2016 e, actualmente, é a man dereita de Boris Johnson, unha especie de Rasputin que moitos cren que ten máis poder que o propio primeiro ministro. A el se lle acusa de estar detrás da estratexia inicial do Goberno británico de apostar pola inmunidade de grupo para combater o coronavirus e da estratexia de negociación coa UE, que semella que levará ao país a unha saída sen acordo comercial a partir de xaneiro. Decapitar, figuradamente, a Cummings sería unha victoria para os rivais da oposición, que quitarían de diante ao principal estratega de Boris, pero tamén para moitos membros do partido Conservador, que recelan do poder que acumula un tipo como ‘Dom’. Se queres saber máis sobre esta personaxe, podes escoitar este Té sen Gotas sobre el que gravamos hai meses. |
O asesor de Boris Johnson, Dominic Cummings, na rolda de prensa deste luns no xardín de Downing Street. |
No podcast Como comentaba máis arriba, no Té con Gotas desta semana falamos de saúde mental e de como este tipo de doenzas son un tema moito menos tabú no Reino Unido que en Galiza. Para saber máis sobre como a sociedade británica, entrevistaremos a Violeta Pérez Rodriguez, unha psiquiatra coruñesa que actualmente traballa nun hospital do Sur de Londres. |