O epílogo do Brexit. Chegamos xa á terra prometida?

Boas,

Este é o primeiro newsletter do 2021 e moitas cousas mudaron desde que despedimos o ano hai unhas semanas.

Para comezar, o Reino Unido está xa completamente fóra da Unión Europea. A saída formal foi en xaneiro de 2020, pero aínda seguían en vigor a maior parte das normas comunitarias. Ese período de transición rematou en xaneiro, así que no Reino Unido o vello refrán de “ano novo, vida nova” ten se cadra aínda máis forza.

E precisamente desa vida nova é do que falamos no podcast desta semana. Ti xa ben sabes que levamos case dous anos quentando a cabeza coa lea do Brexit. Non podía ser que agora que por fin asinan un acordo comercial, nós non lle dedicásemos un episodio!

Non entramos a debullar todos os detalles do acordo (iso aburriríanos até a nós mesmos), pero comentamos algúns cambios que nos parecen particularmente importantes para os vindeiros anos.  

E se tes ganas de máis Té con Gotas, este domingo estivemos nun directo de Twitch organizado pola xente de Orgullo Galego. Podes velo en diferido na súa conta de Youtube. E aínda que esta fose a nosa primeira experiencia como streamers, non imos mudar a residencia fiscal a Andorra e seguiremos pagando todos os nosos impostos en Inglaterra 😉

Unha aperta,

Duarte Romero Varela

A semana en (agora máis que nunca) Brexitland

Entón, co Brexit como estamos? Pois tedes máis detalles no podcast, pero o fundamental é que no día de Nadal (si, no propio día de Nadal), Reino Unido e Unión Europea chegaron a un acordo comercial para gobernar as súas relacións nos próximos anos. Sen entrar en detalles, cómpre destacar que este acordo cubre fundamentalmente o intercambio de bens sen aranceis pero non inclúe ao sector servizos, o cal é prexudicial para o Reino Unido. Un dos puntos máis contenciosos nas negociacións foi a cuestión pesqueira, xa que o Reino Unido quería recuperar o control da totalidade das súas cotas. Ao final acordouse que a UE devolvería un 25% da actual cota nun período de 5 anos. Aínda que a pesca é un sector economicamente moi pequeno, tiña moita importancia política. En primeiro lugar, por estar gobernado fundamentalmente por lexislación europea, en segundo lugar, por teren sido parte dos pescadores un dos símbolos da campaña a prol do Brexit. Pero agora que xa rematou o período de transición, comezan a ter dificultades para vender o peixe no continente. Aínda que non hai aranceis como tal, si que hai un aumento considerable no papeleo necesario para poder vender fóra do Reino Unido, o que implica uns retrasos moi custosos para unha industria que vive dos produtos frescos.

E co coronavirus como estamos? Mal. O Reino Unido ten a dubidosa honra de ser o país con máis mortos por habitante do mundo. Cando os brexiteers falaban da Global Britain non creo que se referisen a isto. As catro nacións están confinadas pero o número de contaxios segue bastante descontrolado. O único positivo é que a campaña de vacinación está indo relativamente ben. Xa se puxeron máis de 4 millóns de doses e o goberno asegura que os grupos máis vulnerables estarán vacinados para mediados de febreiro.

Conflito cos menús escolares. Apartándonos un pouco das cuestións de covid e Brexit, a gran polémica desta semana tivo que ver cos menús escolares. En Inglaterra, ao redor de 1.4 millóns de nenos e nenas reciben o que se chama “menús escolares gratuítos”, é dicir, unha comida no colexio financiada polo estado. Xa durante a primeira vaga do coronavirus houbo un certo conflito porque o goberno non quería continuar con esta política mentres estivese en vigor o confinamento. Foi grazas a unha campaña liderada polo futbolista do Manchester United, Marcus Rashford, que o goberno deu marcha atrás. O que pasou esta semana é que comezaron a circular por redes sociais imaxes dos paquetes de comida que se lles enviaba ás familias. A baixa calidade dos produtos escollidos causou moito o impacto, e o ministro de educación dixo que ían recuperar o antigo sistema de vales para canxear nos supermercados e que sexan as familias quen fagan a compra.  Paquete de comida entregado polo goberno que tería que durar 10 días

No podcast

Será este o último programa que fagamos sobre o Brexit? Posiblemente non, pero si que temos unha certa sensación de pechar ciclo.

No podcast desta semana falamos das cuestións que máis nos chamaron a atención do acordo de libre comercio asinado este Nadal polo Reino Unido e a Unión Europea. Tamén ollamos cara o futuro e comentamos o que vai implicar isto para as relacións entre os dous bloques e para a política interna británica. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará