📚 Traballar para o Estado: hai alternativa ás oposicións?
Todos os mércores enviamos un newsletter coas últimas novidades do que está a acontecer no Reino Unido. A continuación, reproducimos o do pasado mércores 28 de abril. Se che gusta, podes subscribirte aquí.
Boas,
Cantas veces non nos farían a pregunta de ‘e non pensaches en facer unhas oposicións?’ como alternativa a un futuro laboral tirando a negro no sector privado? Se coñeces a algún millennial, probablemente che dirá que moitas.
Unha das cousas que máis nos chamou a atención do Reino Unido a Duarte e a min é o xeito tan diferente que ten aquí a Administración de contratar aquí. A idea de pasar anos enclaustrado nunha habitación devorando temas para vomitalos ante un tribunal está, simplemente, fóra do abano de posibilidades de calquera persoa nova.
Non é só que o sector privado ofreza traballos coa suficiente calidade como para aforrar o trago das oposicións ‘á española’, senón que ese modelo nin tan sequera existe. Por iso, no podcast de hoxe falamos dos diferentes xeitos que ten o Estado de seleccionar aos seus traballadores en Europa, centrándonos sobretodo no caso español e británico.
Non pretendemos facer apoloxía do modelo anglosaxón, simplemente dar a coñecer que hai outras formas de plantexar a contratación pública e que, agora que unha fornada importante de funcionarios que entraron nos 70 e 80 vai xubilar, sería interesante replantexar o xeito en que a Administración recruta aos seus traballadores e rachar con inercias pouco productivas.
Unha aperta,
Miguel Rodríguez Fernández
🗣️ As filtracións acurralan a Boris
Coa vacinación avanzando a bo ritmo no Reino Unido, os inimigos do primeiro ministro Boris Johnson teiman en estragarlle a súa lúa de mel coas enquisas. Como? Con filtracións.
Agora mesmo hai dúas acusacións sobre a mesa:
- Que Boris dixo preferir ver milleiros de mortos amoreándose nas rúas antes que decretar un segundo confinamento.
- Que a reforma que fixo da súa residencia de Downing Street excedeu de lonxe o prezo previsto e que a financiou con doazóns privadas que non se fixeron públicas
💀 Mortos antes que novas restriccións?
O diario Daily Mail publicou a pasada semana unha filtración sobre unha conversa de Boris en outubro, cando a Covid voltaba poñer presión sobre os hospitais británicos e os expertos recomendaban ao Goberno impoñer un novo confinamento.
Que dixo Boris? Dacordo con estas filtracións, o primeiro ministro tería berrado nunha reunión que prefería ver “milleiros de mortos amoreados” nas rúas antes que impoñer un novo confinamento.
Que di agora Downing Street? Boris desmentiu estas acusacións dicindo que son “absoluto lixo”. O seu xefe de gabinete, Michael Gove, di que xamais escoitou tal expresión en ningunha reunión con Boris.
Que di o resto da prensa? Aquí vén o interesante. Tratándose dunha filtración anónima publicada nun tabloide sensacionalista e tendo en conta que o Goberno desminte o comentario con semellante rotundidade, a cousa debera morrer aí. Pero a realidade é que a prensa máis seria do país, pasando pola BBC ou o xornalista de ITV Robert Peston, están dando por certo que Boris pronunciou esas palabras. Non as cren porque teñan a certeza de que o primeiro ministro é un bocazas, senón que os comentarios foron supostamente confirmados por outras tres fontes internas de Downing Street ás que estes medios dan credibilidade.
Como chegamos aquí? É a pregunta que se fan no Goberno. Como a pesar de que a filtración foi anónima e de que Boris a desminte, a prensa prefire crer antes a outras fontes na sombra. Probablemente Boris teña agora máis motivos que nunca para desconfiar do entorno que o rodea.
🏚️ E que pasa coa reforma do piso en Downing Street?
Nada máis mudarse á súa residencia oficial como primeiro ministro de Downing Street, Boris Johnson e a súa compañeira Carrie Symonds fixeron reformas do piso no que viven, que é o 11, e non o tradicional 10 desa rúa, xa que é máis grande. Houbo filtracións de que as obras custaron até 200,000 libras, a pesar de que cada vez que chega un novo premier só contan cunha partida de 30,000 libras para facer cambios na casa.
Quen filtrou desta volta? Un vello coñecido de Boris: o seu exasesor, Dominic Cummings. Nun post no seu blog persoal o pasado venres, Cummings asegura que Johnson planeou financiar os sobrecostes da obra con doazóns segredas e que el lle advertiu de que non o fixese xa que non só non era ético, senón que tamén podía ser ilegal.
Que di o Goberno? A versión oficial é que Boris pagou as obras do seu peto. Porén na prensa tamén saíu publicado que habería un particular que fixo unha doazón ou que foi o partido Conservador quen fixo un préstamo a Boris.
Se houbese doazón, sería irregular? Non está de todo claro. A priori, espérase que ese diñeiro fose feito público. Normalmente, todos os membros do Parlamento teñen que declarar nun prazo de 28 días todas as doazóns ou préstamos concedidos que poidan ter algún tipo de impacto nas súas decisións. Porén, os ministros contan cun réxime de normas sobre transparencia e prazos lixeiramente distinto e non está claro se este donativo entra na categoría do que é obrigatorio declarar.
🎙️ No podcast
Como vos contaba ao comezo, esta semana falamos de oposicións e de como a administración contrata noutros países, centrándonos nos casos de España e Reino Unido. Pero tranquilos, non imos falar de leis farragosas e tecnicismos. Farémolo comparando casos e ofertas de traballo reais.
Ademais contaremos coa participación do analista da política europea máis de moda en Galiza: Serafín Pazos-Vidal. El, que repite por segunda vez no Té con Gotas, ten o privilexio de traballar para a administración local escocesa en Bruxelas, polo que pode comparar facilmente como funciona o modelo de contratación no Reino Unido, en España, na UE e noutros países europeos.