Programas

  • 49. Acordo Reino Unido-UE: e agora que?

    O Reino Unido e a Unión Europea selaron in extremis un acordo comercial na última semana de decembro que regulará a relación entre ambos bloques a partir de 2021. Malia que o sector servizos non se inclúe no tratado, os bens poderán comerciarse sen pagar aranceis, a pesar de que si serán necesarios controis na fronteira. En canto a pesca, os barcos da UE manterán os seus dereitos pesqueiros durante polo menos 5 anos, aínda que nese tempo perderán un 25% da súa cota. Estas son algunhas das resolucións clave do acordo pero, como está a ser a implementación nas primeiras semanas do ano? Que supón este tratado para o futuro da política británica? Que pasará, por exemplo, co sector financeiro? A estas e outras preguntas respostamos no episodio de hoxe.

  • 48. Transparencia, fuga de cerebros e entrevista con Sara Fernández

    Esta semana comparamos a cultura da transparencia das institucións públicas en Galiza e no Reino Unido. Neste programa tamén abordamos un tema lixeiramente relacionado, o da fuga de cerebros. Entrevistamos á economista Sara Fernández López, que vén de publicar xunto con outros investigadores do Foro Económico de Galicia un informe analizando a fuga de talento no noso país.

  • 47. O regreso de Lady Di e entrevista coa lingüista Harriet Cook

    No podcast desta semana falamos do regreso da Princesa de Gales, Diana Spencer, á actualidade británica. Por un lado, volta estar na boca da xente pola estrea da cuarta tempada da serie de Netflix 'The Crown', onde se repasan os seus primeiros anos como integrante da familia real británica. Por outro, este mes de novembro fanse 25 anos dunha das súas entrevistas máis controvertidas, arredor da cal acaba de xurdir unha nova polémica. Na entrevista, contamos cunha convidada moi especial: a lingüista británica Harriet Cook, que nos contará (en galego!) de onde vén a súa paixón polo noso país e como se lle deu por investigar as cantigas medievais galego-portuguesas, entre outros asuntos.

  • 46. Joe Biden presidente: malas novas para o Reino Unido? Entrevista con Adriana Páramo

    No podcast desta semana analizamos as consecuencias para o Reino Unido da elección de Joe Biden como presidente dos Estados Unidos. Suporá ter un demócrata na Casa Branca un obstáculo para o tratado comercial que Boris Johnson prometeu pechar con Washington tras saír da UE? Por que Biden en particular pode ser un problema no conflicto da fronteira de Irlanda do Norte? Na parte da entrevista, falaremos con Adriana Páramo, unha directora de cinema e productora galega que desenvolveu durante dez anos a súa carreira en Londres e que vén de protagonizar un documentario sobre as vivencias dos emigrantes españois no Reino Unido.

  • 45. Galego en Londres

    Hoxe falamos dunha auténtica institución da diáspora galega no Reino Unido: o proxecto Galego en Londres. O que comezou como unha proposta educativa para a aula de lingua galega do instituto español Cañada Blanch, rematou por converterse nun punto de encontro para os galegos e galegas emigrados no Reino Unido. Falamos cos dous nomes propios que deron vida a este proxecto: Xaime Varela e Begoña González.

  • 44. Escocia: cara un novo referendo de independencia?

    Malia que un 62% dos escoceses votaron a favor de permanecer na Unión Europea no referendo de 2016, Escocia está sendo arrastrada contra a súa vontade cara un Brexit pilotado en exclusiva desde Londres. A saída da UE e o ascenso como primeiro ministro de Boris Johnson están a reavivar os cantos de independencia nun país que en maio celebrará eleccións ao seu Parlamento nacional. O Scottish National Party (SNP), a quen todas as enquisas dan como claro gañador, xa anunciou a súa intención de convocar un segundo referendo de independencia, malia que Boris Johnson se nega a aprobalo. Encamíñase Escocia cara unha nova consulta histórica sobre o seu futuro?

  • 43. Neno, que pasa co Brexit?

    Con este título con reminiscencias coruñesas abrimos a tempada 2 do Té con Gotas. E facémolo cun tema xa clásico neste podcast: o Brexit. Falamos dos últimos movementos deste verán e do estado das negociacións do tratado de libre comercio.

  • Juan Carlos á fuga? Entrevista exclusiva co xornalista que desvelou os últimos escándalos da Casa Real

    Esta semana facemos un alto nas nosas vacacións para facer un podcast sobre a Familia Real. O motivo? Temos en exclusiva unha entrevista con James Badcock, o xornalista británico que desvelou nas páxinas do Daily Telegraph algúns dos escándalos da Casa Real que fixeron ao Rei Juan Carlos fuxir do país.

  • 42. Adeus e até setembro!

    Neste podcast despedimos a primeira tempada do Té con Gotas repasando algúns dos mellores momentos deste ano e medio e anticipando algunhas das novidades que chegarán a partir de setembro.

  • 41. Entrevista con Antonio Rodríguez Miranda, candidato do PP

    Para pechar a nosa cobertura especial das eleccións galegas, entrevistamos a Antonio Rodríguez Miranda, candidato do Partido Popular na provincia de Ourense e Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia desde o ano 2012.